Buscador de contidos de IDAE

Siguenos en Youtube
Siguenos en Vimeo
Siguenos en Twitter
Siguenos en Wordpress
Infomación IDAE
Regístrate

Eólica

Atlas Eólico de España

Aproximadamente o 2% da enerxía procedente do sol transfórmase en enerxía cinética dos ventos atmosféricos. O 35% desta enerxía disípase na capa atmosférica a tan só un quilómetro do chan. Do resto, estímase que pola súa aleatoriedade e dispersión só podería ser utilizada unha treceava parte, cantidade suficiente para abastecer dez veces o consumo actual de enerxía primaria mundial. De aí o seu enorme potencial e interese.



Energía eólica. Aerogenerador

 

Hoxe en día a forma habitual de aproveitar o vento é mediante o emprego de aeroxeradores de eixe horizontal. Os aeroxeradores posúen un rotor a barlovento, dotado normalmente de tres pas con deseño aerodinámico, que capta a enerxía do vento e a transforma en enerxía mecánica de rotación. O movemento rotacional transmítese a través dun eixe e varias etapas multiplicadoras a un xerador —normalmente síncrono ou asíncrono dobremente alimentado. A súa función é a produción de enerxía eléctrica. Os ditos elementos sitúanse sobre unha góndola ou bastidor, soportado, á súa vez, por unha torre ou fuste.

Os parques eólicos, en terra ou en mar, están formados por unha serie de aeroxeradores que captan a enerxía cinética do vento para a súa transformación en enerxía eléctrica. A enerxía eléctrica producida por cada un dos aeroxeradores, normalmente a media tensión, é transportada por vía subterránea a unha estación transformadora que eleva a súa tensión. A continuación, mediante unha liña de evacuación inxéctase na rede de distribución ou de transporte no punto de conexión outorgado.

Os aeroxeradores dispóñense habitualmente en filas, perpendiculares á dirección do vento predominante, separados entre si por uns tres diámetros de rotor. Con esta separación preténdese evitar que as turbulencias provocadas no vento por cada máquina afecten ao resto de aeroxeradores. Por esta mesma razón, a separación entre filas paralelas de aeroxeradores adoita ser superior a sete diámetros de rotor.

Existen naturalmente outras aeroturbinas. Segundo a súa tipoloxía poden ser de eixe vertical, con dúas pas, multipás ou con rotor a sotavento; posúen tamaños moi distintos, desde pequenos aeroxeradores de menos de un metro de diámetro e potencias inferiores a 1 quilovatio ata enormes máquinas de máis de 100 m de diámetro e máis de 5000 kW de potencia nominal; tamén poden estar situadas no interior, na liña costeira ou en alta mar.

Empréganse para xerar electricidade a gran escala, para a subministración eléctrica de vivendas illadas, para bombear auga ou, nun futuro próximo, para xerar hidróxeno ou desalgar auga de mar...

 

Proxecto Modelo:

Parque Eólico Experimental de Sotavento (A Coruña): Pode atopar máis información sobre o Parque Eólico Experimental de Sotavento na páxina web do mesmo.





RSS Logo de W3C que indica CSS válidas Logo que indica que o XHTML é valido
© IDAE Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía. C/Madera, 8 - 28004 Madrid - Tel. 913 14 66 73
Goberno de EspańaMinisterio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital